CRTVG

Buscar

Os prezos baixan un 0,3 % no último ano pero moderan a caída

Publicado o 29/06/2020 09:24
Os prezos baixan un 0,3 % no último ano pero moderan a caída

Os prezos de consumo rexistraron unha caída interanual do 0,3 % en xuño. Iso reflicte unha moderación dos descensos rexistrados nos dous últimos meses en plena pandemia da COVID-19 debido ao incremento dos carburantes e a electricidade, que hai un ano se abarataron.

Segundo o indicador adiantado do IPC publicado este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de descenso anual é seis décimas menor que a de maio (0,9 %) e catro décimas inferior á de abril (0,7 %).

A caída de prezos de xuño reflicte que, aínda que algúns servizos seguen á baixa, o encarecemento xeral dos alimentos e o dos produtos enerxéticos suavizaron a baixada.

O INE lembra que, por mor da situación xerada pola covid-19, creáronse dous grupos especiais

Un que inclúe os produtos de alimentación, bebidas, tabaco, limpeza e artigos non duradeiros para o fogar, produtos farmacéuticos, comida para animais e artigos para o coidado persoal.

Os prezos deste grupo subiron o 2,3 % en xuño fronte ao mesmo mes do ano pasado, cinco décimas menos que en maio.

Ao detalle, en alimentación e bebidas non alcohólicas, a subida en xuño é do 2,8 %, sete décimas menos que en maio, cun incremento do 4,2 % para os frescos e do 2 % en envasados, tamén por baixo da taxa de maio.

O outro grupo contén os servizos de alugueiro de vivenda e garaxe, a distribución de auga, rede de sumidoiros, recollida de lixos, gastos comunitarios, electricidade, gas, gasóleo para calefacción, servizos de telefonía, música e televisión en streaming, seguros, comisións bancarias e servizos funerarios.

Nestes servizos, os prezos caen en xuño o 2,4 %, o cal reflicte unha moderación de máis dun punto e medio respecto a maio.

Na evolución mensual, os prezos rexistraron unha alza do 0,5 % durante o mes de xuño, debido a que os produtos incluídos no grupo especial de bens covid-19 diminuíron os seus o 0,2 %, polo abaratamento dos alimentos e bebidas non alcohólicas, mentres que o grupo de servizos os aumentou o 1,2 %, polo encarecemento da electricidade.

O INE explica que a recollida de prezos se realizou de novo integramente por medios telemáticos, xa que a maior parte do mes aínda estiveron vixentes a restrición de movementos e a limitación de capacidade nos establecementos.

En xuño a maioría da cesta de produtos do IPC xa está dispoñible para a súa adquisición por parte dos fogares, fóra dos artigos relacionados co turismo e a asistencia a espectáculos deportivos e culturais.

Así, para o cálculo do indicador só se tiveron que estimar o 12,4 % dos prezos, que se corresponde cun 13 % da ponderación do índice.