CRTVG

Buscar

Os presidentes de España e Portugal presiden en Guarda un novo Cumio Ibérico

Publicado o 10/10/2020 15:07

A néboa impediu que Pedro Sánchez e os seus ministros chegasen a tempo para que dese comezo o Cumio Iberico, xa que non puideron aterrar á hora prevista, polo que a delegación portuguesa, encabezada polo primeiro ministro Antonio Costa tivo que agardar case unha hora.

A cooperación transfronteiriza e a posta en marcha dunha estratexia conxunta para promover a recuperación económica son dous dos temas que hoxe abordarán os equipos de goberno de España e Portugal que se reúnen nun novo Cumio Ibérico na localidade portuguesa de Guarda.

A idea que levan a este cumio, é investir no impulso da transformación das rexións limítrofes e a súa industrialización con medidas como a creación da figura do traballador transfronteirizo. A interconectividade ferroviaria, un tema que o Eixe Atlántico leva moitos anos reclamando, será outro dos asuntos que seguramente tamén aborden neste cumio.

O Goberno galego tamén reclama a finalización do tren de alta velocidade entre Vigo e o Porto e as melloras no tren Celta. As autoridades portuguesas solicitan a reposición dos servizos suspendidos por Renfe que lle impiden a Portugal ter conexións ferroviarias coas capitais do resto de Europa.