CRTVG

Buscar

Os Premios Princesa de Asturias das Artes recoñecen as bandas sonoras de Williams e Morricone

Publicado o 05/06/2020 21:39

Dobre galardón Premio Princesa de Asturias das Artes para o italiano Ennio Morricone, e o neoiorquino John Williams. Dous músicos de cine, de 92 e 88 anos, e autores dalgunhas das bandas sonoras máis salientables da historia da sétima arte. Un xénero musical que lles debe moito a estes dous compositores sinfónicos, que lograron darlle pulo para que deixara de ser un actor secundario no sector da música.

Imposible non recoñecer esta melodía, a da A Guerra das Galaxias. O seu compositor, o neoiorquino John Williams, de 88 anos, e autor da música doutros filmes históricos como Tiburón, E. T. ou A lista de Schindler. Un éxito comercial que nunca empanou a súa figura como obxecto de estudo nas universidades. É o compositor vivo máis interpretado do mundo e gañou cinco Óscar das 52 nominacións que acadou ata agora.

De seguro que tamén lembran estes acordes, creados polo italiano Ennio Morricone para O Bo, o feo e o malo. Este compositor de 92 anos suma outros títulos como Cinema Paradiso, Novecento ou Os intocables de Elliot Ness. Un estatus de culto alcanzado cunha música que remarca a personalidade.

Curiosamente Morricone logrou poñer música desde Europa ao cine do oeste americano, mentres que Williams levou a súa tradición sinfónica vienesa aos grandes títulos de Hollywood.

Falamos de dous estilos case opostos, Williams épico e extrovertido e Morricone elegante e íntimo. Xuntos compoñen a banda sonora deste Premio Princesa de Asturias das Artes 2020, dous responsables directos do apoio académico que acadou a música de cine nos últimos anos.

Noticias web

05/06/2020