CRTVG

Buscar

Os pescadores recreativos piden a suspensión das multas e máis zonas habilitadas para pescar nos portos

Publicado o 15/09/2021 14:57

Malia consentirse, a pesca recreativa estaba prohibida nos portos galegos dende os anos 70. Dende o 7 de agosto esta actividade conta cunha nova normativa, que legaliza a pesca en 107 das 122 instalacións de Portos de Galicia. Desde entón xa se tramitaron algunhas sancións. Os pescadores deportivos solicitan a suspensión das multas, "e volver pescar como antes", tal e como explica Fernando Piñeiro, presidente de Agadper, a Asociación Galega pola defensa da pesca recreativa.

Tamén o sector comercial reclama máis zonas de pesca deportiva, e asegura que nas súas tendas xa se notan as perdas. 

"Os ingresos de vendas de obxectos para pesca deportiva baixou considerablemente, somos case 70 tendas en Galicia", di Francisco García, representante da asociación de tendas de pesca deportiva de Galicia.

Temas sobre os que as partes trataron de achegar posturas este mércores nunha nova reunión. O Goberno galego defende a necesidade dunha regulación a prol da convivencia entre profesionais e afeccionados. Tamén pretende, di a Xunta, aumentar a seguridade nos portos, e lembra que nos últimos meses 6 persoas perderon a vida en actividades alleas á actividade portuaria.

"Unha chamada á responsabilidade de toda a sociedade. Nós queremos que se poda facer esta actividade de ocio pero tamén cumprindo con toda a seguridade para que nos se produzan estes accidentes que se están a producir", explica Rosa Quintana, a conselleira do Mar. 

O sábado, asociacións de pescadores deportivos teñen convocados actos de protesta contra a normativa en nove localidades.

Noticias web

15/09/2021