Os percebeiros piden un acordo para evitar a liorta cos bateeiros
Desde as 6 da mañá, un grupo de percebeiros da Costa da Morte permanece apostado nos arredores do santuario da Virxe da Barca para protexer unha das zonas onde se dan os mellores percebes da costa galega, pero onde tamén medra a cría do mexillón tan necesaria para os bateeiros.
Malia que os bateeiros teñen a lei da súa parte por unha orde do ano 2000 onde se regula a extracción de mexilla, os percebeiros de xeito pacífico propuxeron un acordo verbal para que ningún dos sectores saia prexudicado.
Piden que a Consellería do Mar chegue a acordos con todas as confrarías para que todos poidan traballar e evitar liortas coma as que se viviron estes días noutros puntos da comunidade.
Un problema ao que se suma a acción dos furtivos, polo que manterán a vixilancia na zona.