CRTVG

Buscar

Os peiteadores maniféstanse diante do Congreso para reclamar a redución do IVE

Publicado o 30/06/2021 16:33

O sector dos salóns de peiteado vense moi afectados polo prezo da luz, unha dificultade que aínda lles complica máis a recuperación tras a pandemia. Hoxe volveron manifestarse diante do Congreso dos Deputados despois de que o Goberno e o PSOE bloqueraron outra vez a baixada do IVE. Levan tempo reclamando unha redución do 21 ao 10 por cento.

O sector séntese defraudado polo Goberno. Todo o Senado, excepto o Grupo Socialista, aprobou unha rebaixa do IVE que o Goberno dixo que vetaría cando chegase ao Congreso. Pouco despois, a instancias do propio executivo, a presidenta do Senado anulou a votación da emenda. O argumento do Goberno é que non era o momento de aprobar unha medida que afecta a política de ingresos.

Hoxe plantáronse os peiteadores xusto enfrente do Congreso dos Deputados, con tesoiras e peites na man.

"Para nós é un atropelo, non podemos entender o que está acontecendo no noso sector", asegura Ángeles Salgueiro, voceira da plataforma Crer en Nós.

Denuncian que o PSOE propuxo no 2018 algo ao que agora se opón. Os peiteadores o que queren é volver á situación que tiñan no 2012, cando en plena crise se subiu o IVE do oito por cento ao 21. Daquela, din, aceptaron e non repercutiron a suba nos clientes. Agora queren que se cumpra a promesa e volver a un IVE reducido.

En xogo está, din, o futuro de moitos negocios. Nun ano e medio pecharon ao redor dun 30 dos salóns de peiteado. Agora, á marxe do IVE, tamén golpea o sector a suba da luz. Pinta mal para un sector considerado esencial polo Goberno.

 

 

Noticias web

30/06/2021