CRTVG

Buscar

Os pasaxeiros viaxan con xustificantes do seu desprazamento

Publicado o 06/12/2020 15:26

Ningunha persoa pode subir a un avión sen causa xustificada nos aeroportos galegos durante esta ponte. Coñecedores do peche perimetral da comunidade, os usuarios da terminal de Santigo levan á man algún documento que acredite o motivo da súa viaxe, preparados para os posibles controis.

"Eu téñoo porque estou vivindo en Gandía e veño cada dous meses coidar a meu pai, que ten unha enfermidade dexenerativa", di un pasaxeiro. "Eu teño un exame, estou estudando en Granada e teño que ir si ou si porque é presencial", comenta outro.

E é que a pesar do peche decretado pola Goberno galego hai causas laborais, de saúde e mesmo familiares que obrigan a desprazarse.

"Vou a Valencia porque vin ao enterro da miña avoa", explica un mozo.

No Rosalía de Castro está programado que engalen máis dunha vintena de voos este domingo. Todos con destinos nacionais salvo un a Ámsterdam.

Coas fronteiras pechadas, algúns pasaxeiros que chegan a Galicia aseguran que non pasaron ningún tipo de control.

"Non, non nos pediron nada, pero a onde imos non nos pediron nada", di este home que vén visitar a familia.

"Onte fun a Palma e aquí si me preguntaron, pero logo de Palma a Galicia, ningún tipo de control", asegura outra viaxeira.

Os aeroportos galegos tiveron pouco máis dun millón e medio de pasaxeiros nos dez primeiros meses do ano, fronte aos 4 millóns cincocentos mil do mesmo período de 2019, segundo Aena.

 

Noticias web

06/12/2020