Os partidos independentistas piden que Filipe VI compareza no Congreso
O BNG e os grupos independentistas do Congreso presentarán hoxe unha moción para que o rei Filipe VI compareza perante a cámara baixa para dar explicacións sobre os últimos acontecementos que se viñeron coñecendo no ámbito próximo á familia real.
Un conxunto de partidos no Congreso formado polo BNG, ERC, Eh-Bildu, JuntsxCat, a CUP, o PDeCAT, Compromís e Máis País vai rexistrar hoxe dúas peticións de comparecencia do rei Filipe VI e do presidente Pedro Sanchez perante o parlamento de España. Fano motivados, din, pola suposta gravidade do "sucedido as últimas horas, días, meses e anos en relación á Casa Real".
Estes grupos queren que o rei dea contas sobre a marcha do rei emérito e sobor das vacinacións das súas irmás en Abu Dhabi. Tamén queren que compareza Pedro Sánchez para dar conta do papel do Goberno en relación a eses feitos.
A número dous do Executivo, Carmen Calvo, descarta por completo a intervención do monarca nas Cortes. A vicepresidenta primeira do Goberno asegura que o Rei "non pode nin debe comparecer, sería inconstitucional que o fixera. Ten garantida a inviolabilidade porque o Rei non participa de xeito partidario na política e, polo tanto, esta é uha especie de fantasía de ERC propoñer semellante cousa".