CRTVG

Buscar

Madrid entra nunha campaña que pode marcar o futuro político en España

Publicado o 17/04/2021 21:33

Este prólogo da campaña comezou para o PP no barrio de Salamanca, con protagonismo para Pablo Casado e Díaz Ayuso. Os dous coinciden en que a política española vai cambiar o 4 de maio e Casado mesmo dixo ese día "comezará o estado de alarma" para o PSOE. Ambos consideran que a alternativa é ou sanchismo ou liberdade.

"Liberdade é poñer o teu negocio sen que te fritan a impostos, liberdade é abrir un negocio sen ter que agardar un mes ou dous meses a que che dean unha licenza, liberdade é mandar o teu fillo ao colexio que che dea a gana ou elixir o médico e o hospital que che apeteza. Liberdade é poder moverte libremente sempre e cando non poñas en risco a saúde dos demais", enumerou Casado.

O candidato socialista estivo pola tarde no barrio de Hotaleza acompañado por Reyes Maroto. Ángel Gabilondo asegurou que nesta campaña queren roubar a palabra liberdade. Apostou por un cambio radical nas políticas sociais e tamén por vacinar sen confrontar como primeiro obxectivo dun goberno seu: "Non queremos volver ser a comunidade autónoma que se desentende das medidas sanitarias, que busca a confrontación como estratexia política, confrontación cansada e interminable, mentres os demais engaden esforzos".

Desde Ciudadanos sinalan que o PP prefire gobernar con Vox e non con eles. Pablo Iglesias considera que Ayuso mantivo secuestrados os madrileños durante a pandemia para atacar o Goberno. En Vox insisten en que hai que acabar co perigo que significan Sánchez e Iglesias para España. Finalmente, Mas Madrid pon como obxectivo acabar co Goberno de Ayuso para que haxa unha verdadeira sanidade pública.

Noticias web

17/04/2021