Os participantes dunha festa ilegal en Pontevedra enfróntanse a multas de entre 600 e 3.000 euros
Os asistentes á festa clandestina saltaron distintas normas ao tempo: reunirse sen ser conviventes e exceder o número máximo autorizado, non levar máscara nin gardar a distancia, e nalgúns casos o peche perimetral do municipio. Todos se expoñen a multas de entre os 600 e os 3.000 euros. No caso do propietario do local, a sanción é maior.
Para algúns, saltar as restricións debería de significar sancións máis duras. Outros apelan á responsabilidade.
Foron os propios veciños quen avisaron a policía, que atopou 26 persoas no interior do local dedicado á venda e alugueiro de disfraces en pleno centro de Pontevedra. Na zona xa sospeitaban deste tipo de reunións desde había tempo.
Segundo fontes policiais, a celebración deste tipo de festas está a ser menos frecuente que na primeira vaga da pandemia.