CRTVG

Buscar

A ocupación hospitalaria pola covid redúcese case á metade desde primeiros de mes

Publicado o 18/09/2021 15:29

Os datos de hoxe confirman a boa tendencia e os contaxios volven baixar do cento por terceira vez neste mes. Son 99 os casos novos, con case un terzo rexistrado na área sanitaria de Lugo, 32, seguida da de Vigo, con 22 contaxios e da de Ourense con 20. A Coruña descende aos 13, Santiago computa 7, Pontevedra 4 e Ferrol un só contaxio. Á par, os casos activos tamén seguen indo a menos. Comezamos setembro con 7.522 persoas infectadas e hoxe hai 2.387.

Nas residencias de maiores detectáronse 13 casos novos na DomusVi de Monforte, onde outros 20 anciáns contaxiados estas últimas semanas xa deron negativo. En total hai neste momento 52 residentes infectados neste centro. Na residencia do Bolo mantéñense os 3 casos que había, na de Baralla tamén hai un contaxiado e hoxe detectouse un caso novo da residencia de San Marcos en Santiago.

O inicio de curso deixa tamén casos entre os escolares: Este venres notificouse un gromo con 11 pícaros de educación infantil infectados no colexio Cantel de Foz. Ningún ten síntomas graves, pero están sen vacinar debido á idade que teñen.

A situación hospitalaria tamén mellora: os pacientes na UCI baixan a 28, e os de planta a 79. Nos dous casos o número de hospitalizados é case a metade dos que había a primeiros de mes.

Nas últimas horas non se notificou ningún falecemento en Galicia. No que levamos de setembro morreron 44 persoas infectadas.

Noticias web

18/09/2021