Galicia segue reducindo o impacto da covid cos novos casos por baixo da centena

Continúan baixando os casos activos en Galicia ata os 2.387, 193 menos ca no día anterior. Tamén segue en descenso o ritmo de contaxios, que se sitúan por baixo do centenar. Nas últimas vinte e catro horas rexistráronse un total de 99 novos positivos.
A distribución destes casos por áreas sanitarias é a seguinte:
-Vigo: 22
-A Coruña: 13
-Pontevedra: 4
-Santiago: 7
-Ourense: 20
-Lugo: 32
-Ferrol: 1
A situación mellora en todas as áreas sanitarias excepto en Lugo e Ourense, onde soben os contaxios.
Hospitalización
Do mesmo xeito, diminúe a ocupación hospitalaria. En planta hai cinco persoas menos ingresadas (79) e catro menos en UCI (28). Por outra banda, o Sergas non notificou ningún falecemento na última xornada.
Dende que comezou a pandemia, diagnosticáronse 181.644 casos. Do total, curáronse 176.677 persoas e faleceron 2.614.