CRTVG

Buscar

Os nenos son pouco propagadores do coronavirus, segundo as últimas evidencias

Publicado o 12/06/2020 14:58

A relación dos nenos co coronavirus ten as súas particularidades. As últimas investigacións sobre o comportamento do virus nos menores achegan conclusións que van nesta dirección.

Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría do CHUS: "Os rapaces deféndense mellor da Covid-19, parece que se infectan menos que os adultos, aínda que as evidencias son limitadas, e os nenos infectan menos os adultos que ao revés, e as evidencias neste sentido son aínda máis limitadas".

Aínda que as evidencias son limitadas, o feito de que pareza que os nenos son pouco propagadores do virus dá certa tranquilidade aos pais agora que teñen que resolver como van organizar a conciliación no verán e, despois, a volta ao colexio. Algo que cada un resolve como pode. En xeral, con dificultade ante tanta incerteza.

Ante esta nova etapa, é importante recuperar as rutinas de saúde e manter ao día os calendarios de vacinación.

Federico Martinón-Torres, xefe de Pediatría do CHUS: "É moi importante porque as outras enfermidades seguen a existir. Se deixamos de vacinar, esas doenzas van volver".

E tamén é fundamental non baixar a garda no cumprimento das recomendacións de hixiene e seguridade.

Noticias web

12/06/2020