Os nenos dun colexio de Miño aprenden técnicas de primeiros auxilios
Todos deberiamos ter uns coñecementos mínimos en primeiros auxilios. Con esta certeza, as familias do colexio Castro Baxoi de Miño programaron unha actividade na que nenos e maiores aprenderon a reaccionar ante unha emerxencia e se familiarizaron con algunhas técnicas, como a reanimación cardiopulmonar. Para empezar, os cativos salvaron as vidas imaxinarias dos seus bonecos.
O que aprenden estes nenos é tan valioso que podería salvar vidas. "É moi importante que coñezan todo o que ten que ver cos primeiros auxilios, co RCP. Temos unha arma que non utilizamos, que son as nosas mans. É tan sinxelo como iso, e cun pouquiño de formación é doado", explica unha nai da ANPA do CEIP Castro Baxoi.
É o segundo ano que as familias do colexio Castro Baxoi de Miño organizan esta actividade. Unha profesional de emerxencias do 061 encárgase de explicarlles aos nenos os pasos que teñen que seguir para auxiliar unha persoa nunha situación de apuro. "Primeiro comprobar que non está durmida e se está sen respirar." "Se alguén da nosa familia se pon mal hai que chamar." "Ao 112."
"Para chamar a emerxencias." "Que coñezan o 112, que é o número máis fácil de identificar para eles, e que saiban responder a esa chamada, ás preguntas que lles fan, que saiban dicir os seus enderezos e despois un par de manobras básicas."
Practicaron cos seus peluches e coas súas bonecas a técnica de reanimación cardiopulmonar e a manobra de Heimlich. Desde hoxe unha folla co teléfono de emerxencias estará colocada nun lugar estratéxico das portas das neveiras, seguramente entre debuxos infantís destes nenos, preparados para reaccionar cando alguén precise a súa axuda.