CRTVG

Buscar

Os museos galegos celebran o seu día con centos de actividades gratuítas

Publicado o 18/05/2019 15:13

Xornadas de portas abertas como as que se organizan no Día Internacional dos Museos serven para que a xente lle perda o medo a estes lugares, para que decida entrar pola porta e coñecer o patrimonio que neles se garda e aprender sobre o seu labor.

A directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, Esperanza Gigirey, asegura que os museos "son os garantes da tradición e nós temos que darlle ese futuro á tradición que conservamos. Entón é un pouco a forma tamén de falarlle á xente do seu patrimonio, porque é deles e que se dean conta do traballo que fan os museos, que conservan ese patrimonio, que o difunden... Un pouco un traballo que nos beneficia a todos".

En Compostela oito institucións sumáronse á programación especial para este día, entre eles o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporáneo e o Museo das Peregrinacións e de Santiago. Neste último, os máis pequenos gozaron cun obradoiro no que elaboraron monicreques inspirados no Camiño.

Jorge Rey de Títeres Cachirulo explica que "os museos espertan un interese especial nos nenos. En todos os museos que visitan sempre hai algo que os sorprende, porque é unha viaxe digamos no tempo. Entran nun túnel e nun mundo imaxinario, ao que eles son tan afeccionados. Estamos facendo bonecos peregrinos, monicreques que van a San Andrés de Teixido".

"Eu fixen un can. Neste monicreque, fixen unhas orellas, pegueinas! Despois vou facer un rabo, despois unhas manchas e os ollos".

Durante a fin de semana, os museos galegos ofertan unha ampla variedade de actividades, ademais de descontos e de visitas guiadas gratuítas, para celebrar o seu día.

Noticias web

18/05/2019