CRTVG

Buscar

Os Mossos deteñen a Josep María Bartomeu, expresidente do F. C. Barcelona

Publicado o 01/03/2021 12:18
Os Mossos deteñen a Josep María Bartomeu, expresidente do F. C. Barcelona

O expresidente do FC Barcelona Josep Maria Bartomeu, o exdirector da área da presidencia, Jaume Masferrer, e o actual director xeral do club, Óscar Grau, foron detidos este luns polos Mossos d'Esquadra.

A policía catalá entrou esta mañá para rexistrar as oficinas da entidade azulgrá situadas no Camp Nou buscando información do caso Barçagate.

Nas dilixencias previas, os Mossos d'Esquadra atoparon indicios de posible administración desleal e/ou corrupción entre particulares.

Esta investigación xudicial, que parte dunha denuncia do grupo de opinión azulgrá Dignitat Blaugrana, atópase aínda baixo segredo de sumario, que foi alongado seis veces polo Xulgado de Instrución número 13 da Audiencia de Barcelona. A última prórroga finaliza o 10 de marzo.

O Barçagate é o caso en que unha empresa contratada polo F. C. Barcelona presuntamente levaría a cabo nas redes sociais unha campaña de desprestixio de individuos e entidades non afíns á xunta directiva de Josep María Bartomeu.