CRTVG

Buscar

Dous detidos na operación antiterrorista iniciada polos Mossos d'Esquadra

Publicado o 14/07/2020 08:07
Dous detidos na operación antiterrorista iniciada polos Mossos d'Esquadra

Os Mossos d'Esquadra informaban esta mañá da posta en marcha dunha operación antiterrorista en Barcelona, principalmente no barrio da Barceloneta.

No marco desta operación, foron detidos dous xihadistas integrantes dunha célula que pretendía atentar con explosivos na capital catalá e xa seleccionara algúns lugares da cidade como obxectivos.

Segundo informou a policía catalá, a operación, dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló, concluíu coa detención dos dous homes de 41 e 43 anos, de nacionalidade alxeriana, que presuntamente eran responsables da identificación e control dos obxectivos seleccionados.

O dispositivo, que implicou dúas entradas e rexistros no barrio da Barceloneta de Barcelona, supón a segunda fase da operación Alexandría, que o xuíz ordenou en xaneiro do ano pasado e que se saldou coa detención de 19 persoas, algunhas das cales integraban unha célula con vontade de perpetrar atentados.

Coas detencións practicadas este martes, segundo os Mossos d'Esquadra, dáse por neutralizada a célula xihadista, que presuntamente tiña o propósito de cometer atentados na cidade de Barcelona, con explosivos, e xa seleccionara os lugares onde levar a cabo os seus ataques.

De feito, o grupo empezara a facer xestións para procurar os explosivos e armas de guerra con que cometer os atentados, pero estas operacións xa foron abortadas na primeira fase da operación  antixihadista.

As investigacións levadas a cabo no último ano permitiron pescudar os lugares concretos onde a célula planeaba levar a cabo atentados. Aos detidos na operación deste martes acúsanos dos delitos de pertenza e colaboración activa con organización terrorista, actos preparatorios de actividade terrorista, capacitación e adoutrinamento xihadista.