CRTVG

Buscar

Os mercados ao aire libre e as atraccións de feira amplían a súa capacidade

Publicado o 21/04/2021 13:01

O comité clínico, na súa última xuntanza, tamén fixo unha serie de axustes que quedaran pendentes respecto aos mercados ao aire libre, as atraccións de feira e os congresos.

No que respecta aos mercados ao aire libre, aqueles con menos de 150 postos autorizados poderán colocar a totalidade dos puntos de venda. Os que teñan entre 150 e 250 postos instalarán o 75 %, e os maiores de 250, a metade.

As atraccións de feira tamén axustan as súas capacidades. Aquelas que dispoñen de asentos poderán traballar ao 50 %. E as que precisan movemento abrirán ao 30 %.

Do mesmo xeito, alívianse as restricións nos congresos. Nos espazos interiores, a asistencia máxima pasa dos 300 aos 500, e nos exteriores mantense no milleiro.

Ademais, se as circunstancias o suxiren, pode solicitarse un aumento da capacidade. As dimensións do recinto ou as características das persoas asistentes (por exemplo, que estean vacinadas por pertenceren ao colectivo sanitario) poden favorecer un informe positivo de Saúde Pública neste sentido.

Todas estas normas, que se publican este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), entran en vigor ás 00:00 horas do venres 23 de abril.

Foron meses interminables para o sector das atraccións. Algúns aproveitaron e utilizaron os tráileres para mudanzas ou outros traballos, pero a maioría non tiña autorización. Moitos levan máis de ano e medio completamente parados. Os feirantes din que en xuño lles levantaron as restriccións, pero naquel momento ningún concello contaba con levar festas a cabo e quedaron igual parados; despois, de novo en novembro foi cando as cifras medraron e lles volveron poñer as restriccións de cara ao Nadal.

Agora volven reabrir tras meses de prohibición. Con ocupacións reducidas de momento, pero eles reivindicánse como un sector seguro. Aseguran: "Temos moita ilusión, xa que polo menos salvamos o primero escollo; logo, veremos a ver coas comisións e os concellos, porque virá a segunda parte do traballo, convencelos de que se poden facer recintos feirais e montar atraccións con seguridade, e máis ao aire libre".

Despois de tanto tempo, a súa esperanza é poderen salvar o verán a toda costa e que non haxa máis peches. Sanidade tamén autorizou a incrementar as ocupacións dos mercadiños e dos congresos, que a partir do venres en interiores poderán pasar dos 300 aos 500 participantes.