CRTVG

Buscar

Os menores de 40 anos poderán pedir cita para vacinarse a partir do 1 de xullo

Publicado o 08/06/2021 17:29

• O Sergas combinará o sistema de chamamento habitual coas citas reservadas a través dunha web para cubrir ocos

• Comesaña avirte de que só apoirán o novo plan de desescalada do Ministerio de Sanidade se respecta as competencias de Galicia 

Os menores de 40 anos poderán pedir cita para vacinarse a partir do 1 de xullo

EFE

AXENCIAS

O Sergas prevé empezar en xullo a vacinación dos menores de 40 anos combinando o sistema habitual de citación por SMS (desde os 39 anos cara abaixo) cun procedemento de petición de citas voluntarias aberto a todos os maiores de 18 para encher "ocos". Así o avanzou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña durante un encontro en liña organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG), no que tamén adiantou que o seu departamento habilitará unha web a partir do 1 de xullo para que os pacientes de máis de 18 anos poidan pedir vez.

Deste xeito, o Sergas terá dous procedementos de chamada paralelos: encher "por defecto" a axenda de vacinación a través de SMS, empezando polos pacientes de 39 anos, e incluír "ocos polo medio" con aquelas persoas de máis de 18 que pedisen cita voluntariamente. 

A previsión é, segundo avanzou Comesaña, vacinar contra a covid−19 as persoas menores de 40 anos a principios de xullo, aínda que continuará a de maiores desa idade de maneira simultánea ata finais de xuño. No tramo de 40 a 49 anos quedan unhas 400.000 persoas por vacinar, polo que a previsión do Sergas é, a un ritmo medio dunhas 100.000 vacinas por semana, poder ter esta franxa de idade coa pauta completa a finais de xullo. Nese mes empezarase simultaneamente cos menores desa idade para proseguir despois co resto "ata chegar aos de 18 anos".

García Comesaña informou que o grao de adhesión á campaña de vacinación contra a covid−19 "é bo", xa que alcanza o 90 % entre as persoas de 50 a 59 anos.

Entre o 10 % dos que non queren vacinarse cando son citados hai casos en que non se dá contactado por problemas co número de móbil; outros prefiren esperar por calquera motivo, non todos se negan á inmunización.

A Xunta está "a esbozar" xa a posibilidade de ter un escenario o ano que vén en que coincida a terceira dose, ou de recordo, das vacinas como Pfizer e outras contra a covid-19 coa da gripe, pero á espera do que diga a Axencia Europea do Medicamento, a UE, e o Ministerio de Sanidade.

Polémica co Ministerio de Sanidade

O conselleiro de Sanide, con respecto á polémica pola normativa de restricións e horarios do Ministerio publicada o sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE), manifestou que a Xunta "entende que non" é de obrigado cumprimento pola maneira en que se tratou no Consello Interterritorial de Saúde, onde se aprobou por maioría e non por consenso. E confirmou que onte mesmo falou coa ministra de Sanidade Carolina Darias, que ofreceu "consenso" e retirar o referente aos horarios de hostalería, tras o que pola noite o Ministerio remitiu un novo borrador ás comunidades autónomas. "Volvemos á senda de que cada comunidade xestione as súas competencias", considerou o conselleiro, quen dixo que se esta é a postura do Ministerio no Consello Interritorial de mañá "non terá problema en apoiala", pero se segue insistindo en "romper as regras de xogo" opoñerase.

Sen máscara en exteriores este verán

O conselleiro de Sanidade augurou que a obrigatoriedade da máscara en espazos exteriores "podería desaparecer en poucas datas", probablemente "este verán". Con todo, recoñeceu que non lle "desgustaría" que este elemento de protección permanecese durante un tempo non só en interiores, senón tamén en persoas "inmunodeprimidas" e naquelas que "cren que poden estar contaxiadas" de coronavirus ou de calquera outro patóxeno transmisible.

"Oxalá quedasen e cando cremos que temos un tipo de infección protexamos aos demais. Oxalá nos quedase iso, e eu son optimista e creo que nalgúns casos nos vai quedar", dixo. García Comesaña insistiu en fixar o adeus da máscara "en poucas datas" para os espazos abertos, pero explicou que facelo "agora mesmo" entraña o "risco" de que a xente xa "non a leve encima" e "entre nos locais sen ela".

Ademais, o conselleiro de Sanidade recalcou que os espazos ao aire libre "son moito máis seguros" que os pechados. Así, desexou que esta pandemia sexa "un antes e un despois" na xestión dos interiores. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade díxose "seguro" de que en "dous ou tres anos" un número "máis amplo" de establecementos de hostalaría contará con terraza. "E tamén modificaremos as nosas formas de ventilar", afirmou.

En Galicia, hai identificados 18 casos da variante india da covid−19 nun "gromo controlado" que non sae da súa contorna, segundo o conselleiro, quen apuntou que esta variante é "lixeiramente máis transmisible" que a británica, pero si que "parece que é sensible ás vacinas".

Comesaña dixo que este é o momento "para sermos optimistas" con respecto á evolución da pandemia, e ao mesmo tempo pediu prudencia para seguir evitando encontros sociais. "É mellor aguantar un pouquiño e non afogar na beira, porque a beira está moi preto", concluíu.

Noticias web

08/06/2021