CRTVG

Buscar

Os menores de 21 anos xa poden viaxar de balde por toda Galicia no transporte público da Xunta

Publicado o 21/05/2021 21:06

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou o transporte público como a vía que permite "diluír fronteiras entre a Galicia urbana e a rural" así como o impulso cara a "unha nova mobilidade urbana máis limpa e sostible". Así se pronunciou o mandatario autonómico en Noia, onde participou na posta en marcha da extensión do transporte público gratuíto para os menores de 21 anos.

A medida entrou en funcionamento este venres e permite aos menores de 21 anos gozar de 60 viaxes gratuítas ao mes nas máis de 3.100 liñas de autobús xestionadas pola Xunta. "O transporte público é a nosa forma de garantir o dereito de todos os cidadanos á mobilidade e o seu acceso aos servizos esenciais; á vez que se dilúen as fronteiras entre a Galicia urbana e a Galicia rural e avanzamos cara a unha nova mobilidade máis limpa e responsable", apuntou Feijóo.

A gratuidade do transporte público aos menores de 21 anos mediante o uso da tarxeta Xente Nova pódese solicitar desde este venres en calquera das 231 oficinas de Abanca das catro provincias. A medida entra en vigor este venres en todos os concellos, segundo informa a Xunta nun comunicado. Neste sentido, todos os galegos con menos de 21 anos poderán viaxar gratis a través dos 313 concellos galegos, ademais de en barco pola ría de Vigo e en ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol. Para poder comezar a utilizala, é necesario cargar un saldo inicial para abonar as primeiras viaxes e que, posteriormente, será reintegrado no dispositivo. 

Noticias web

21/05/2021