Os médicos constatan que hai diferenzas nas cepas de virus dos recontaxiados
Esta semana coñeciamos o primeiro caso de recontaxio de coronavirus. Un caso que foi confirmado pola universidade de Hong Kong, un cidadán de 33 anos. De momento, é o único caso confirmado pola comunidade científica, pero no mundo xa están documentados tres casos de recontaxios.
Pilar Vázquez, médica medicina interna do CHUAC, explica que este paciente viaxara a España e que retornou a vía Gran Bretaña e "ao chegar a Hong Kong fixéronlle unha PCR e estaba contaxiado, aínda que era totalmente asintomático. Recontaxiárase catro meses despois de padecer a covid-19. Fíxose un estudo e viuse que era unha reinfección porque o tipo de virus da segunda infeción era unha cepa distinta da primeira. Iso acendeu un pouco as alarmas".
"Agora fálase de que pode haber outras reinfeccións en Bélxica, Holanda e mesmo aquí, en España, pero aínda está por documentar e medicamente por analizar", aclara a doutora Pilar Vázquez.
"É unha enfermidade coa que levabamos moi poucos meses e está todo practicamente por coñecer e tiñamos a falsa crenza de que non había reinfeccións. Tamén hai que dicir que, neste caso, a reinfección é máis leve e estaba totalmente asintomático", di a especialista.
Polo de agora sabemos, di a doutora, que "pasados os meses, o nivel de anticorpos pode diminuír e volver contaxiarse. Por outro lado, temos a inmunidade celular, pero é dificilmente medible, que se está facendo en estudos clínicos".