CRTVG

Buscar

Os maristas de Vigo piden perdón e investigarán os abusos sexuais nos anos 60

Publicado o 01/06/2021 17:06
Os maristas de Vigo piden perdón e investigarán os abusos sexuais nos anos 60

A Provincia Marista Compostelá abriu unha investigación sobre os presuntos abusos sexuais que os alumnos do Colexio Maristas O Pilar de Vigo sufriron nos anos 60 a mans de catro irmáns.

Así o aseguran nun comunicado tras unha información que publica o diario El País en que ata oito exalumnos do colexio contan as súas experiencias.

No comunidado, amais de "manifestaren a súa dor" polo sucedido din: "Condenamos o ocorrido, lamentamos profundamente esta situación e pedímoslles perdón por fallarlles e non protexelos".

Os maristas din que para eles a protección da infancia "é unha prioridade" e póñense á disposición das vítimas, para as que habilitaron un correo electrónico, contigo@maristascompostela.org, ao que se poderán dirixir todos aqueles alumnos que queiran denunciar abusos tanto actuais como pasados.

Os catro irmáns maristas sinalados polos protagonistas da información do diario El País faleceron xa, pero todos eles estiveron no colexio na época que relatan as presuntas vítimas, segundo confirmou a Provincia Marista Compostelá.

Segundo o relato das vítimas, estaban presos dunha "violencia sistémica" nun ambiente de "horror" protagonizado por catro irmáns que os sometían a tocamentos tras levalos a lugares apartados e solitarios.

Algúns dos protagonistas non tiñan máis de sete anos cando foron presuntamente obxecto destes abusos.

Noticias web

01/06/2021