CRTVG

Buscar

Os manifestantes volven cortar estradas e vías de tren por toda Cataluña

Publicado o 15/10/2019 14:58

As mobilizacións ante a sentenza do procés sucédense por toda Cataluña, os manifestantes cortan as estradas e as vías do tren en numerosos puntos. A policía cargaba esta mañá contra os independentistas. 
Tsunami Democràtic escribía un chío en que dicía que "isto é só o comezo".

As protestas continúan en Cataluña desde primeira hora deste martes. Estradas cortadas en numerosas localidades como Cassà de la Selva, en Girona, pola presenza de madeira ardendo na vía, onde se producían cargas policiais.

Centos de estudantes de Vic concentrábanse con lemas a favor da independencia e paraban a circulación. Así como en Mataró onde facían sentadas no centro da cidade.

Ademais das estradas, o tráfico ferroviario tamén foi alterado debido ás protestas. O servizo de AVE Barcelona-Girona-Figueres volveu a mediodía á normalidade logo de estar cortado hora polas barricadas. Con todo, circulase só por unha vía polos danos causados na infraestrutura.

En Lleida, os estudantes tamén tomaban o edificio do reitorado da universidade e bloqueaban a entrada en sinal de protesta. "Isto só acaba de comezar", era o chío que colgaba Tsunami Democràtic que animaba os seus seguidores a descargar a súa aplicación para así estar ao tanto das súas convocatorias de protestas.

Unidas ás mobilizacións espontáneas, a Assemblea Nacional Catalana e Òmnium Cultural convocaron a unha sentada con candeas a partir das sete desta tarde antes as delegacións do Goberno en Cataluña.

Noticias web

15/10/2019