CRTVG

Buscar

Os maiores de 15 anos de Moaña, chamados a un cribado masivo desde hoxe

Publicado o 09/12/2020 20:48

• As probas permitiron aflorar en Boiro case 80 asintomáticos

A melloría na área sanitaria de Santiago e A Barbanza estáncase pola elevada incidencia da covid en Boiro. No concello triplicáronse os casos en dúas semanas. Foi, en boa parte, grazas aos cribados masivos que, cunha elevadísima participación cidadá, permitiron diagnosticar case 80 positivos entre persoas asintómaticas e os seus contactos estreitos.

"Agora o importante é illar os asintomáticos para impedir que sigan contaxiando. Durante estes días seguirán aparecendo positivos pero é normal cando se fai un cribado tan intenso como o que se está fancendo no noso concello estes días", apuntaba o alcalde.

Nesta vila comercial e industrial da Barbanza, perimetrada desde finais da semana pasada, confían en que os cribados e a responsabilidade cidadá permita mellorar a situación para o Nadal.

Un esforzo ao que poden contribuír desde este xoves os 19.000 veciños de Moaña. Todos os que teñan máis de 15 anos poden entregar unha mostra de saliva en seis carpas que se habilitarán na praza do mercado de abastos. Vanse procesar mediante a técnica de pooling no laboratorio do hospital Álvaro Cunqueiro.

E no autocovid do CHUVI tamén están citados para un cribado 3.500 veciños de Redondela. Outros 2.000 serán citados a facer unha pcr no centro de saúde das Pontes ao longo dos próximos dez días.


 

Noticias web

09/12/2020