Os locais de ocio nocturno poderán pechar ás catro da mañá a partir de outubro
Á espera de pequenos detalles, o sector do ocio nocturno dá un paso máis para volver á nova normalidade. Tras a reunión mantida esta semana coa Xunta, haberá novos horarios de peche e tamén máis ocupación.
O acordo entre ambas as dúas partes pretende ampliar horarios, é dicir, establecer o peche ás catro da mañá, e permitir un 75 % de ocupación en interiores e un cento por cento en terrazas.
O empresariado valora positivamente o protocolo malia non cumprir coas expectativas iniciais. O seu obxectivo é seguir traballando para desvincular a apertura dos locais da situación epidemiolóxica de cada concello.
Agora só queda perfilar o uso do certificado covid como requisito para poder acceder a estes establecementos. Aínda que a Xunta conta co aval do Supremo, falta a autorización por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
O luns volverán xuntarse, representantes do sector e responsables da Xunta, para perfilar un protocolo que podería entrar en vigor a principios de outubro e marcar o regreso definitivo do ocio nocturno tras a pandemia.