CRTVG

Buscar

Os locais de lecer nocturno estrean medidas de alivio nunha madrugada tranquila

Publicado o 23/10/2021 08:59

O certificado de covid é obrigatorio en todos os pubs e discotecas 

• Galicia alivia as restricións tras saír da emerxencia sanitaria

Galicia entrou esta madrugada nunha nova fase cara á normalidade tras saír da situación de emerxencia sanitaria. Os establecementos de lecer nocturno xa non teñen limitacións á ocupación e amplían os seus horarios.

Os pubs pasan a pechar as 4:30 horas da mañá e as discotecas ás 5:00 durante a fin de semana. Elimínanse tamén as restricións na ocupación aínda que a clientela terá que seguir usando a máscara agás no momento da consumición.

Ademais, a obriga de exhibir o certificado de covid esténdese a todos os locais de lecer nocturno, xa sexan pubs ou discotecas, independentemente do nivel de seguridade que escolleran aplicar.

Autorización do TSXG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou esta medida nun ditame xudicial, difundido este venres, que posibilita que a Xunta publique xa a nova normativa para a hostalaría e lecer nocturno.

Segundo a decisión xudicial, o alcance da medida para a cal a Xunta pediu autorización agora "esténdese a todos os establecementos incluídos" nos dous niveis de seguridade (1c e 2c) e "non só" ao de maior seguridade, coma cando este mesmo tribunal autorizou a medida anterior.

"O que ten a súa razón de ser, non pola evolución da situación sanitaria (que non empeorou), senón porque se incrementou a cantidade máxima de persoas permitidas neses establecementos, co consecuente aumento de risco na transmisión da enfermidade", apunta o documento xudicial. 

Noite sen incidentes

En lugares como Santiago de Compostela, moitas persoas aproveitaron a noite para gozar das novas medidas de alivio. Segundo a Policía local, non se produciron incidentes.

Noticias web

23/10/2021