Os líderes nacionais desembarcan en Cataluña para o peche de campaña
Os líderes nacionais desembarcan en Cataluña para dar o derradeiro empurrón aos seus candidatos á Generalitat. Pedro Sánchez criticou o que chamou pacto do medo asinado polos independentistas contra o aspirante socialista: "pero equivócanse porque ao reencontro, á socialdemocracia, á vontade de avanzar dun pobo, non se lle pode poñer un cordón sanitario, e imos romper ese cordón sanitario votando o Partido Socialista e a Salvador Illa".
Un cordón sanitario ante o que Pablo Casado se amosa incrédulo: "un tripartito de esquerdas, dá o mesmo o que asinen, digan, mintan. Xa sabemos cal é o ben maior para eles: seguir na Moncloa, e para iso fai falla Esquerra".
O líder de Podemos levaba á campaña a súa particular denuncia contra a calidade da democracia española. Pablo Iglesias cre "que se substituíse a política polos xuíces para afrontar un problema político como o catalán non permite falar de plena normalidade democrática".
Arrimadas foi a Barcelona a apoiar a Carlos Carrizosa e a votar, no derradeiro día para facelo por correo. A presidenta de Ciudadanos dixo que "só hai un voto fiable, só hai un voto co que non a xogas, só hai un voto constitucionalista que nunca acaba nun tripartito. E ese voto é o de Ciudadanos".
O domingo dirímese a supremacía no bando independentista, e a candidata de Junts non o agocha. Segundo Laura Borràs, "estas eleccións non deixan de ser tamén un plebiscito interno para decidir como avanzar".
Aínda que Pere Aragonès centrou os seus últimos ataques en Salvador Illa e na súa negativa asinar o pacto contra a extrema dereita: "se non é claro respecto a se aceptará ou non os votos de VOX, é evidente que os aceptará se pode".
Nove partidos aspiran a entrar o domingo nun Parlament chamado a ser o máis plural desde a reinstauración da democracia.