CRTVG

Buscar

Os líderes europeos debaten sobre o desafío de Polonia

Publicado o 21/10/2021 19:20

Os prezos da enerxía ían ser o asunto central do cumio europeo, pero a crise con Polonia relegouno a un segundo plano. O desafío lanzado polo Tribunal Constitucional daquel país, negándose a recoñecer a prevalencia do dereito comunitario, socava os fundamentos da Unión.

O primeiro ministro polaco, Mateusz Morawiecki, chega ao cumio sen intención de dar o brazo a torcer. "Estamos listos para o diálogo, pero non imos actuar baixo a presión da chantaxe", dixo, en referencia ás ameazas de responder ao seu pulso cunha conxelación das axudas europeas...

Esa man dura é a que defenden primeiros ministros como o belga ou o holandés. Do seu lado, Polonia ten, coma case sempre a Hungría de Viktor Orban, que acusou a Bruxelas de saltar os dereitos dos parlamentos nacionais. Máis conciliadoras son as mensaxes de Angela Merkel ou Pedro Sánchez, que tras falar con Morawiecki, apelan ao diálogo.

O presidente do Goberno explicou que "o que lle trasladei ao primeiro ministro polaco e tamén farei dentro do Consello Europeo é que atopemos unha vía construtiva e de diálogo que saque a Unión Europea e os seus estados membros desta situación tan complexa e tan difícil".

No debate sobre a enerxía, e máis en concreto sobre a cotización desbocada do gas, tamén hai divisións. Os países do norte avogan por enfrontalo con medidas nacionais, fronte á alianza de España, Italia e Grecia para poñelo no centro da axenda comunitaria. De momento, xa conseguiron metelo na orde do día, aínda que Bruxelas limitouse a encargar un informe sobre o mercado da enerxía para explorar posibles solucións máis adiante.

Noticias web

21/10/2021