CRTVG

Buscar

Os líderes da UE arroupan a Sánchez no centro de refuxiados afgáns de Torrexón

Publicado o 21/08/2021 15:55

• Reivindican a solidariedade europea ante situacións de crise

No seu primeiro acto público tras o período das vacacións en Lanzarote, o presidente do Goberno visitou o centro de refuxiados afgáns na base aérea de Torrexón de Ardoz.

Canda el estiveron no lugar a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o presidente do Consello Europeo, Charles Michael e o Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell.

A unidade de acción das institucións europeas ante a crise de Afganistán é o que tentaban escenificar esta sábado.

Torrexón vai ser a base loxística de acollida dos afgáns que colaboraron con militares e institucións europeos. Despois serán distribuídos entre os países comunitarios e hoxe Sánchez reivindicaba o selo solidario da Unión Europea: "Solidariedade con aqueles que están sufrindo e, en especial, con aqueles cos que temos un compromiso, sobre todo as mulleres e os nenos, de protección das súas vidas e tamén do seu futuro. Díxeno antes en inglés e dígoo agora en español: a Unión Europea responde".

Sánchez quixo contrastar a actual situación de crise co realizado polo continxente español nos últimos vinte anos e salientou as escolas, vivendas e centros hospitalarios construídos na zona controlada por España: "España fíxose cargo dunha provincia moi importante de Afganistán. Cando chegamos alí non había estradas, non había clínicas, non había hospitais, non había centros educativos, os nenos a e as nenas non se escolarizaban, sobre todo as nenas".

O presidente do goberno agradeceu o traballo de forzas armadas, corpos de seguridade e diplomáticos españois en Afganistán. Dixo tamén que el e os seu goberno están traballando desde o segundo un da crise e que esta situación serve para reivindicar o mellor que ten a Unión Europea