Celebran con actividades e descontos o Día das Librarías
Esta libraría do centro de Lugo celebra hoxe o seu día. Como moitos outros establecementos de todo o país, nesta xornada ofreceu un 5 por cento de desconto na compra de libros.
Lucía Carreira, dependenta dunha libraría: "Para o día de hoxe estamos facendo un 5 por cento de desconto en todos os libros e si que estamos notando que a xente se está animando. Está vindo máis á tenda e está mercando xa dende primeira hora, e esperemos que a última hora tamén."
"Todos os venres intentamos facerlle un agasallo ao pequeno, que é un conto, e ademais este venres viñemos porque é o Día das Librarías."
"As librarías tócannos" é o lema co que este 8 de novembro se celebra o Día das Librarías. É un xeito de reivindicar o trato cercano que ofrecen os libreiros en contraposición ao comercio electrónico.
Yoli Pumariño, libreira di: "Significa visibilizar o noso traballo, e sobre todo o traballo dos libreiros e das libreiras de barrio. É dicir, os que estamos a pé de rúa e tratamos cara a cara coa xente. Sabemos que está complicado hoxe en día, sobre todo polas vendas en Internet."
Co fin de celebrar este día, para esta xornada programáronse unha morea de actividades en moitas das arredor de 400 librarías que hai en toda Galicia. Dende concertos e exposicións ata magostos, clases de cociña e, por suposto, contacontos para os máis pequenos.