CRTVG

Buscar

O PSOE vetará investigar as tarxetas opacas do rei Xoán Carlos malia o visto e prace dos letrados do Congreso

Publicado o 12/01/2021 17:48
O PSOE vetará investigar as tarxetas opacas do rei Xoán Carlos malia o visto e prace dos letrados do Congreso

Os servizos xurídicos do Congreso informaron a favor de que a Mesa da Cámara admita a trámite a comisión de investigación rexistrada por Unidas Podemos e outros oito partidos para abrir pescudas sobre o uso de tarxetas opacas por parte de Xoán Carlos I.   

Segundo o informe que este mércores estudará a Mesa do Congreso, os letrados son partidarios de que o escrito se cualifique e se traslade á Xunta de Portavoces "para a súa eventual inclusión na orde do día dunha próxima sesión plenaria". 

É a primeira vez que os servizos xurídicos do Congreso non informan en contra de dar trámite a unha comisión de investigación relativa ao Rei emérito.   

O pasado mes de decembro, a Mesa do Congreso, amparándose na opinión dos letrados, vetou esta mesma petición por un defecto de forma, xa que unicamente se presentou coa firma de Unidas Podemos, que non conta con deputados suficientes para solicitar por si mesma unha comisión de investigación.   

O grupo confederal volveu rexistrar a solicitude engadindo tamén a firma de ERC, Bildu, Máis País,  Compromis, CUP e BNG, un texto cuxo contido si foi agora analizado polos letrados, que lle deron o seu visto e prace.   

Iso si, no seu informe, os letrados, especifican como é habitual que, no caso de que o Pleno dea vía libre a esa comisión de investigación será ela a que elabore o seu propio plan de traballo e decidir sobre a celebración de comparecencias "sen que caiba predeterminar como deben de acordarse aquelas".   

En todo caso, será a Mesa do Congreso quen se pronuncie mañá sobre este asunto. Ese organismo confórmano 9 deputados, dos cales 3 son do PSOE, 3 de Unidas Podemos, 2 do PP e un de Vox. Os dous grupos que apoian ao Goberno, o PSOE e Unidas Podemos, mantiveron na Mesa posiciones distintas respecto á necesidade de investigar a monarquía.

"Froito dun minucioso traballo, conseguimos sortear as trabas xurídicas. Xa non hai escusa. A partir de agora, a decisión é puramente política", advertiu este martes a través das redes sociais o portavoz de Unidas Podemos, Pablo Echenique, tras coñecerse a posición oficial dos letrados.

A conta oficial de Podemos, a formación dirixida polo vicepresidente Pablo Iglesias, apela directamente ás formacións e ao PSOE: "Todos os partidos do arco parlamentario deberían apoiala por hixiene democrática". 

Pero fontes socialistas xa confirmaron que oporán a apertura da comisión de investigación.