CRTVG

Buscar

Os ladróns foron directos ás caixas: así asaltaron de madrugada un hotel de Lugo

Publicado o 21/08/2020 13:22

Forzaron a porta de entrada, arrincaron as dúas caixas rexistradoras e marcharon con elas nun coche que os esperaba fóra. E todo en pouco máis de tres minutos e a pesar de saber que había cámaras de vixilancia e que a alarma estaba soando.

Así actuaron os ladróns que asaltaron de madrugada esta cafetería dun hotel de Lugo. Os autores do roubo ían encapuchados e foron directos ás caixas, sen tocar a comecartos ou a máquina do tabaco.

Aínda que a Policía Nacional chegou ao pouco de soar a alarma e montaron un dispositivo de busca polas estradas da contorna, non puideron dar cos ladróns.

Agora investígase se o vehículo empregado no asalto foi o mesmo que roubaron o día anterior en Sarria, a uns 25 minutos do hotel.

O 'modus operandi' dos asaltantes e a velocidade coa que actúan fai pensar que poida tratarse dun novo golpe da coñecida como banda do Seat León, que utiliza ese tipo de coches nas súas accións.

Hai dous meses foran detidos 14 presuntos membros da banda en Lugo e Castela, pero quedaron en liberdade por falta de probas. Por iso, a policía xa investiga se retomaron as súas actividades delituosas.

Noticias web

21/08/2020