CRTVG

Buscar

Os ladróns empregan unha lanza térmica para rebentar unha caixa forte en Lugo

Publicado o 10/12/2019 14:41

As oficinas dunha empresa de construcións de Lugo foron escenario dun roubo. Os ladróns accederon ao interior do local despois de inutilizar todo o sistema de alarmas e de deixar inoperativas as cámaras de videovixilancia. Unha vez dentro, utilizaron unha lanza térmica para derreter a porta da caixa forte e ter acceso aos cartos que se gardaban no seu interior.

A lanza térmica é unha ferramenta de uso industrial que pode chegar a emitir una lapa que sitúa a temperatura dos obxectos que toca en 4.000 graos centígrados. Os expertos en seguridade sinalan que é moi complicado defenderse dun asalto con ese tipo de ferramenta e din que é preciso empregar sistemas de defensa combinados.

"As caixas de menos de mil quilos deben estar ancoradas para evitar que as leven. Por baixo dese peso é fácil cargar con elas se hai intención de roubar".

A caixa da empresa asaltada tiña uns 100 quilos de peso. Aínda así, os ladróns optaron por marchar con ela, probablemente agardando que arrefriase, porque a calor podía danar o contido ou porque xa levaban demasiado tempo no local. Posteriormente foi atopada no barrio de Nadela, xa nas aforas de Lugo. Tanto o uso da lanza térmica como a tecnoloxía empregada para inutilizar as alarmas e as cámaras fan pensar que se trata dunha banda altamente especializada neste tipo de roubos. Curiosamente, dende a empresa asaltada rexeitaron presentar denuncia polo acontecido.

Noticias web

10/12/2019