CRTVG

Buscar

Os israelís non terán que usar máscara ao aire libre desde este domingo

Publicado o 18/04/2021 21:03

Israel exime desde este domingo do uso obrigatorio da máscara ao aire libre aos seus cidadáns. Iso si, seguirá sendo preceptiva en interiores, conforme anunciaron as autoridades sanitarias, onde o risco de infección é máis alto.

O país prosegue cunha reapertura case completa tras a rápida campaña de vacinación que logrou reducir a incidencia da covid. Israel rexistra unha media de 200 contaxios diarios.

Máis da metade da poboación de Israel, o 53 %, recibiu as dúas doses da vacina, o que permitiu que o país regrese a unha certa normalidade e rutina prepandemia.

Máis de 5,3 millóns de israelís, dunha poboación de case nove millóns de habitantes, case o 60 por cento recibiron polo menos unha dose da vacina e máis da metade están inmunizados coas dúas doses.