CRTVG

Buscar

Os investigadores do dobre crime de Arzúa cren que as vítimas poderían levar varios días sen tomar a medicación

Publicado o 22/10/2019 14:42

O marido e mais a filla da acusada estaban chamados esta mañá para dar a súa versión dos feitos, pero acolléronse os dous ao seu dereito a non declarar. De todos os xeitos, eles mesmos contáronlles aos axentes da Garda Civil que se achegaron á súa vivenda tras os feitos, que a muller, diagnosticada de esquizofrenia indiferenciada, podería levar tres ou catro días sen tomar a súa medicación porque a vían ausente e triste. Manifestaron tamén que o seu marido, ao recibilos na casa, lles explicou que ela agredira ao seu pai e que intentara agredilo a el tamén.

Contaron, amais, que a atoparon completamente manchada de sangue e que tiveron que engrilletala para conseguir inmobilizala porque os sanitarios xa non podían máis.

A Fiscalía acúsaa dun delito de lesións pola agresión ao seu sogro, pero tamén de dous delitos de asasinato. No seu escrito recolle que, con ánimo de acabar coas súas vidas, asestoulles varias coiteladas a dous anciáns, de 98 e 84 anos, que ela mesma coidaba, que lles ocasionaron a morte. Pide para a investigada un total de 43 anos de internamento nun centro psiquiátrico porque cre que actuou baixo un brote psicótico.

Porén, a defensa cre que na súa inocencia.

"Eu estou completamente convencida de que ela non matou esas dúas persoas...", di Verónica Suárez, avogada da defensa. 

Está previsto que o xuízo remate mañá coa declaración dos forenses. O xoves faréselle entrega do obxecto do veredicto aos membros do xurado popular para que comecen a deliberar.

Noticias web

22/10/2019