CRTVG

Buscar

Os interinos desde hai máis de dez anos accederán á praza sen opositar

Publicado o 21/07/2021 14:04

O Goberno pactou que os interinos das administracións públicas que leven máis de dez anos ocupando unha praza estrutural que nunca fose convocada poderán adxudicarse dita praza sen necesidade de pasar unha oposición, senón unicamente por unha valoración de méritos.

Explicouno ministra de Facenda e Función Pública María Jesús Montero durante a súa defensa ante o pleno do Congreso do decreto lei de medidas urxentes para reducir a temporalidade no emprego público, que o Ministerio de Facenda negociou ata o último momento para lograr os apoios suficientes, sobre todo o de ERC.

A votación estivo tan axustada que houbo que repetila, porque na primeira saíu empate. Finalmente, o decreto lei para reducir a temporalidade no emprego público saíu adiante por un só voto. Abstivéronse PNV e Más País. Votaron a favor Podemos, Compromís, Teruel Existe e Esquerra Republicana. Apoio acadado logo dunha negociación na que o proxecto de Miquel Iceta sufriu cambios.

Montero herdou o texto, como responsable agora de Facenda e de Función Pública. Fora pactado cos sindicatos UXT, Comisións Obreiras e CSIF. Ante as dúbidas de que non chegara a ser convalidado, a ministra ofreceu tramitar a norma como proxecto de lei, permitindo cambios no proceso.

De acordo cos cambios de último minuto avanzados por Montero, a norma tamén incluirá durante a súa tramitación que as comunidades autónomas poidan decidir que a oposición non sexa eliminatoria nos procesos de estabilización das prazas estruturais ocupadas desde hai máis de tres anos por persoal interino.

O decreto lei xa prevía que a valoración da experiencia no posto pesase un 40 %, pero agora súmase a opción de que o exame da oposición non sexa eliminatorio se así o deciden as comunidades autónomas nas súas convocatorias.

Respecto aos interinos con máis dunha década nun posto estrutural, Montero explicou que se lles aplicará a excepcionalidade prevista no artigo 61.6 do Estatuto Básico do Empregado Público, que permite a selección de funcionarios de carreira unicamente cun concurso de valoración de méritos. 

Calcúlase que sairán beneficiados trescentos mil interinos, pero sindicatos e algunhas forzas políticas elevan a 800.000 os traballadores en fraude de lei na administración. O obxectivo deste decreto é reducir a temporalidade no sector público español. Está no trinta por cento, e buscan baixala ata o oito por cento.

Noticias web

21/07/2021