CRTVG

Buscar

Os incendios devoran o sur de Italia e deixan cinco vítimas mortais

Publicado o 12/08/2021 10:47
EFE

Os incendios seguen devorando hectáreas de bosques en Sicilia, Sardeña e, sobre todo, en Calabria, no sur de Italia, onde xa provocaron cinco vítimas mortais e manteñen varios municipios evacuados e zonas patrimonio da Unesco ameazadas.

Entre as últimas tres vítimas, que se sumaron aos dous gandeiros que faleceron hai uns días en Calabria, figura un home de 77 anos que morreu na súa casa de campo por mor dun incendio en Grotteria, na provincia de Reggio Calabria, mentres tentaba salvar os seus animais.

Tamén en Calabria, un home de 79 anos foi atopado morto preto da súa casa en Cardeto tras un incendio, mentres que a terceira vítima foi outro granxeiro esmagado por un tractor cando combatía as lapas que ameazaban a súa casa en Paternò, en Sicilia.

Con temperaturas que superaron os 45 graos e o forte vento de siroco, varios incendios seguen activos en Sicilia, onde catro frontes xa alcanzaron ou están a chegar os centros habitados e unhas 800 persoas tiveron que ser evacuadas.

Esta situación levou o presidente de Sicilia, Nello Musumeci, a pedirlle ao Goberno o estado de emerxencia para que se envíe máis axuda, que se some ás preto de 5.000 persoas que están a traballar para apagar os incendios.

"Apagamos un incendio e un segundo despois se abre outra fronte a uns quilómetros de distancia", queixouse Salvo Cocina, xefe de protección civil rexional.

O subsecretario de Interior, Carlo Sibilia, anunciou o envío inmediato de reforzos a Calabria, unha das zonas máis afectadas polas lpas,onde chegarán nas próximas horas 130 bombeiros de Lacio, Lombardía, Toscana, Marcas, Véneto e Emilia-Romaña, así como tamén efectivos do Exercito.

"Estamos a perder a nosa historia, a nosa identidade está a reducirse a cinzas, a nosa alma auténtica arde no silencio xeral", escribiu en Facebook o alcalde de Reggio Calabria, Giuseppe Falcomatà, que alertou que os bosques da zona están aínda en perigo e as lapas "están a causar danos incalculables".

A situación é crítica nos municipios de Roccaforte do Greco, Roghudi, Bagaladi e Cardeto, onde tiveron que ser aloxados os habitantes dalgunhas casas e as lapas están a achegarse á zona do "Val Infernal" na localidade de San Luca, en que se atopa en bosque de fais cententarias considerado patrimonio da Unesco.

Centos de persoas traballan alí para crear unha devasa que evite que as chamas cheguen a ese parque nacional.

Segundo un informe da maior asociación de agricultores, Coldiretti, desde principios de ano o lume devorou 102.933 hectáreas no país, unha superficie como 140.000 campos de fútbol e catro veces superior á media de 28.479 queimadas cada ano desde 2008 a 2020. 

Máis de 70 mortos en Alxeria

Por terceiro día na Cabilia alxeriana loitan contra o lume cos seus escasos medios. 69 nove focos seguen activos. Oitocentos bombeiros, 115 camións cisterna e dous helicópteros están mobilizados. Francia prometeu o envío dun primeiro avión cisterna.

O Goberno decretou tres días de oito oficial polos máis de 70 mortos provocados polo lume. 28 militares faleceron nos labores de rescate e outros doce soldados quedaron feridos. Centos de persoas están desprazadas das súas casas devoradas polas lapas.

Un panorama desolador nesta rexión con catro millóns de hectáreas de bosque. Milleiros de oliveiras foron arrasadas polo lume e o gando carbonizado. As temperaturas chegan aos 47 graos, unha auténtica vaga de calor que se vai prolongar ata o luns. Os incendios destruíron tamén enclaves turísticos como unha reserva da biosfera. O Goberno fala de ataques criminais e anunciou a detención de catro supostos autores.

 

Noticias web

12/08/2021