CRTVG

Buscar

Os incendios causan xa 17 mortos en Australia e milleiros de persoas evacuadas

Publicado o 02/01/2020 15:12

Dende o aire, estas son as imaxes dos incendios en Australia. Tan só no sueste, a zona máis afectada, queimáronse tres millóns seiscentas mil hectáreas. Catro millóns en todo o país.
Na terra, os equipos de rescate loitan contra o lume entre as lapas, e andan na procura dos desaparecidos; polo momento, dezasete persoas.

O Goberno australiano considera prioritario combater o lume, pero tamén evacuar os milleiros de persoas illadas polos incendios, como nesta praia, onde se refuxian turistas e veciños mentres ven arder as casas.

Malia a escasa visibilidade, abríronse estradas que se encheron de longas ringleiras de vehículos. As previsións atmosféricas en zonas como as praias de Nova Gales do Sur non son boas: agárdanse temperaturas de corenta graos e fortes ventos.

O exército esta mobilizado para achegar axuda en zonas como Malacoota, unha baía onde 400 persoas quedaron cercadas.
Mentres, en cidades como Camberra a contaminación do aire está disparada a causa do fume. Cada vez son máis os veciños da capital que non saen á rúa sen unha máscara na cara.

Noticias web

02/01/2020