CRTVG

Buscar

Os hostaleiros galegos piden regular os alugueiros e un plan de 30 millóns en axudas

Publicado o 05/11/2020 19:33


Regular os alugueiros de locais para que se reduzan as mensualidades nun 50%, impedir cortes de enerxía e baixar os impostos da luz, aprazar o pago de taxas como o IRPF, aplicar o IVE reducido do 4% no consumo, prolongar os ERTE de forma inefinida ou un plan de axudas directas aos negocios dotado con 30 millóns de euros son algunhas das medidas que pon sobre a mesa o sector da hostalería en Galicia, que demanda un plan de rescate ante o peche decretado pola Xunta para o próximo mes en gran parte do territorio galego.

Este xoves, sete das principais asociacións de hostalería de Galicia (Asociación Hostalaría Compostela, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Federación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo en Ourense e Asociación de Empresarios de Hostalaría Ferrol e comarcas) uníronse para lanzar unha proposta de plan de rescate que recolle 13 puntos pensados en posibilitar a continuidade dos negocios. "A hostalería séntese criminalizada, tendo que soportar unhas restricións que son desproporcionadas", sinalan os promotores deste plan, que advirten que se aplican en Galicia medidas similares ás doutros territorios nos que a incidencia do virus "é tres veces maior".

Así, tras incidir que son "firmes defensores" de que "a saúde e a vida teñan a máxima prioridade" pero que "a economía é tamén condición necesaria para garantir a vida", os hostaleiros lanzan unha proposta de 13 puntos que van desde a exención de impostos ou a prórroga de taxas á regulación do mercado para, seguindo o exemplo da Generalitat de Cataluña, que se decrete unha rebaixa do 50% nas mensualidades dos locais. Deste xeito, solicitan a exoneración total do pago á Seguridade Social da cotización para traballadores autónomos e de entre un 75 e un 85% da cotización empresarial (en función do número de traballadores), así como a posta en marcha dun plan de recarga do pago das cotizacións sociais que pasaría dun 0% nos meses nos que o peche estea vixente a unha subida progresiva do 3% o primeiro mes tras a apertura ata o 10% o cuarto mes

Os hostaleiros socilitan a anulación do compromiso de manter o emprego íntegro durante un período de seis meses e que os ERTE sexan prolongados de forma indefinida "ata que a situación se normalice". Para autónomos e traballadores do réxime xeral, reclaman axudas directas como complemento de, polo menos, o 70% da base de cotización actual cun mínimo mensual de 1.200 euros anuais. Tamén solicitan aprazamentos dun ano no abono do IRPF e do IVE do catro trimestre deste ano e a ampliación extraordinario de pagos fraccionados do Imposto de Sociedades ao mes de decembro.

En materia de enerxía, reclaman a paralización de taxas e impostos relacionados coa luz, unha baixada da potencia contratada e que se prohiban os cortes por falta de pagamento. Todo iso acompañado por un plan de axudas directas dotadas cun orzamento de 30 millóns de euros orientada a compensar "ata un 50%" das perdas ocasionadas polo peche decretado polas autoridades. Estas axudas, segundo a proposta dos hostaleiros, estarían moduladas en función do tamaño do negocio como "das dificultades" soportadas como consecuencia da crise, como o período de peche, restricións ou medidas similares. Para o lecer nocturno, cren que as axudas deberían aumentar "un mínimo" do 25%.

Noticias web

05/11/2020