CRTVG

Buscar

Os hostaleiros da Coruña doan alimentos para os necesitados

Publicado o 20/11/2020 14:16

Cando tiveron que botar o peche, as despensas dos hostaleiros non estaban baleiras. A situación alóngase e os produtos caducan, pero a estes non lles vai dar tempo. 

"Todos os produtos que nos sobraron, en vez de tiralos, que é unha pena, traémolos para aquí. E as grandes cadeas que nos queiran axudar, que os traian tamén aquí para poder levarllos á xente máis necesitada", di Roberto López, hostaleiro.

Desde a posición de vítimas económicas da pandemia, os hostaleiros coruñeses optaron pola solidariedade: "Por mal que esteamos, sempre hai alguén que está peor e que o necesita". "Eu coñezo xente usuaria dos bancos de alimentos. Se non non axudamos entre nós, ninguén nos vai axudar, polo que se ve", din dous hostaleiros que participan na campaña.

Tamén se sumaron cidadáns anónimos que hoxe fixeron a compra para outros: "Soubémolo polo xornal e dixemos: aínda que sexa pouco, colaborar co que se poida. E animar a xente que se achegue co que sexa: un paquetiño de azucre... o que sexa".

Os produtos desinféctanse e clasifícanse. Despois, farán o reparto: unha parte para o Banco de Alimentos e outra para a Cociña Económica, que viron multiplicarse a súa demanda a raíz da crise da Covid. "A demanda aumentou, un 30 por cento máis, e iso nótase moito", explica Conchi Rey, presidenta do banco de alimentos Rías Altas.

"É terrible, porque a xente con 430 euros non come. Ou non pode o para o alugueiro, ou a luz, ou a auga... levar os nenos ao colexio, vestirse...", lamenta Jacinto Luis Torres Fraga, presidente da Cociña Económica da Coruña.

O repartimento farano esta tarde cun xesto simbólico: unha cadea humana para representar a importancia da colaboración e a solidariedade nos momentos complicados coma este.

 

Noticias web

20/11/2020