CRTVG

Buscar

O Sergas non notifica falecementos desde o domingo e os hospitalizados baixan ata os 50

Publicado o 22/06/2021 19:38

• Diminúen os casos nas áreas de Vigo (-6), Ourense (-1) e Ferrol (-5)

Non se notificaron falecementos por mor da covid-19

O Sergas non notifica falecementos desde o domingo e os hospitalizados baixan ata os 50

Os últimos datos do Sergas recollen un aumento nos casos activos. Hai 1.274 persoas con covid-19 en Galicia, 24 máis ca onte, tras 85 novos positivos. Con todo, a situación da presión asistencial mellora lixeiramente e racha co estancamento da última semana.

Por áreas sanitarias a repartición é a seguinte:

A Coruña: 458 (+19)

Ferrol: 97 (-5)

Lugo: 161 (+10)

Ourense: 141 (-1)

Pontevedra: 123 (+4)

Santiago: 103 (+3)

Vigo: 191 (-6)

Baixamos ata as 50 persoas ingresadas

A situación nos hospitais mellora e acada o limiar das 50 persoas ingresadas pola covid-19 en Galicia: 35 en planta (-8) e 15 nas UCI (-1). Son as mellores cifras dende mediados de agosto do ano pasado, cando comezou a dispararse a segunda vaga.

 

Hoxe o Sergas non comunicou ningún falecemento, polo que o número de vítimas no que vai de pandemia en Galicia mantense en 2.434. O último deceso produciuse o día 19, cando finaba un home de 100 anos no Hospital da Coruña.

Aumenta a positividade

Das 3.035 probas PCR realizadas, deron positivo 83, polo que a taxa de positividade é de 2,73 %, algo superior á de onte -1,91 %-. Con todo, a positividade leva xa máis de catro meses sen superar o limiar máximo recomendado pola OMS do 5 %.

Mapa de incidencias por concellos