CRTVG

Buscar

Os hospitais galegos temen un colapso en febreiro se non baixan os contaxios

Publicado o 16/01/2021 14:48

A evolución dos contaxios preocupa nos hospitais galegos. Os niveis de ingreso seguen medrando e os expertos advirten: o risco de colapso podería chegar a primeiros de febreiro. Temen que haxa saturación de pacientes hospitalizados e ter que atrasar máis intervencións cirúrxicas doutras patoloxías.

A evolución dos contaxios, con récords nas cifras de novos infectados preocupa nos hospitais galegos. Os niveis de hospitalización seguen en aumento e o risco de colapso podería chegar a primeiros de febreiro. Así nolo contaba o xefe de Servizo de Medicina Interna do CHUS. Antonio Pose, Xefe de Medicina Interna do CHUS e director da Cátedra de Cronicidade: "O aumento dos contaxios ponnos moi nerviosos porque sabemos que van aumentar os ingresos tamén. Nós no CHUS podemos ter entre 5 e 10 ingresos diarios, temos catro controis ocupados só con pacientes de covid-19. Se a situación segue así e imos para arriba o risco de colapso pode ser elevado".

Antonio Pose, igual ca outros expertos, cre que agora mesmo a solución para cortar a cadea de contaxios pasaría por un confinamento domiciliaro, incluso breve.
"Algúns expertos cren que isto ten que ver co período do Nadal, pero se é así a mediados da vindeira semana deberiamos comezar o período de meseta e logo comezar a descender. Se non é así habería que tomar a decisión de confinar. Canto tempo? Ao mellor con dúas semanas, acelerando tamén as vacinacións".

Nos hospitais galegos xa se están a pospoñer intervencións cirúrxicas non urxentes, e os sanitarios temen que se non se frea a tempo o avance dos contaxios se teñan que pospoñer operacións máis prioritarias, por non contar con espazo nas UCI e nas unidades de reanimación.

Noticias web

16/01/2021