CRTVG

Buscar

Os hospitais da área da Coruña pechan seis das 13 unidades covid habilitadas

Publicado o 24/02/2021 20:30

• Comezan a recuperar a cirurxía non urxente

Nos hospitais da área sanitaria da Coruña chegou a haber no pico desta terceira vaga do virus 13 unidades covid, o cal restou medios humanos e recursos para atender outros doentes. Agora só quedan sete, e tamén tiveron un alivio nas unidades de críticos. Quedan na UCI 52 persoas, pero chegaron a estar case 90. Ese alivio na presión hospitalaria permite comezar a recuperar a actividade ordinaria.

"Imos recuperar a programación cirúrxica de xeito progresivo cos doentes non prioritarios, a cirurxía maior ambulatoria cos pacientes non urxentes e oncolóxicos", explicou Luis Verdes, xerente da área sanitaria da Coruña e Cee.

Pero a pesar do alivio na presión asistencial, tanto nos centros de saúde como nos hospitais, a área sanitaria mantén unha incidencia por riba de 300 casos por cada cen mil habitantes. De momento, segue en risco extremo pola covid−19.

"O virus segue aí e na nosa área sanitaria máis do 80 % da variante que circula é a británica, que ten moitísima maior transmisión e máis gravidade nos pacientes que se infectan", advertiu Verdes.

Manterán os cribados masivos para frear a transmisión nunha área sanitaria extremadamente sensible aos contaxios. O motivo, a súa estrutura poboacional, moi concentrada e con moita mobilidade entre concellos.

Noticias web

24/02/2021