CRTVG

Buscar

Os gromos entre a xente nova levan a Ordes e Monforte ao nivel máximo

Publicado o 24/08/2021 14:06

• As sete cidades, entre os 55 concellos que estarán no nivel medio de restricións a partir do sábado | Haberá 30 no alto


Os concellos de Ordes e Monforte pasarán a estar en nivel máximo de restricións, no que agora non había ningún, e haberá outros 30 municipios en nivel alto, mentres que un total de 55 localidades estarán en nivel medio, entre elas, as sete cidades galegas.

Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico que constatou "unha lixeira melloría" na incidencia da covid-19, aínda que con algunhas "repuntas", como os dous municipios que quedan en nivel máximo, que se atribúen a á ponte de tres días, coa celebración de festas patronais, comidas privadas e algúns "na hostalaría".

"Viamos un risco nas festas da ponte do 15 de agosto; afortunadamente, en moitos casos ese risco non se confirmou, pero noutros casos si", dixo o conselleiro, quen insistiu en respectar as medidas anticovid porque os exemplos destes concellos que "entran en nivel máximo por festas, por agrupacións de xente nova sen cumprir as normas, son contundentes".

Comesaña destacou o "resultado francamente bo" da vacinación onte dos adolescentes de 12 a 13 anos, xa que se administrou a primeira dose a un total de 33.000, despois de acudir máis do 80 % dos citados, polo que considerou que se deu un "paso importante" para a inmunización da poboación. 

Os contaxios seguen concentrándose na xente nova, e dende o comité advirten: hai mozos de 16 anos hospitalizados e de 23 nas UCI, que manteñen 58 pacientes ingresados.

A mellor noticia, o avance da vacinación. Os maiores de 12 anos comezarán o curso vacinados, e o comité anunciou outra novidade: os que pasasen a covid non terán que agardar seis meses para recibir a vacina.

Polo que respecta ao resto do proceso de vacinación, unha vez que se termine mañá e pasado cos grupos de idade, ao vacinar de 14 a 16 anos, a Xunta está a estudar "un sistema para poder incorporar" a poboación que quedou sen vacinar por diversos motivos e fará unha proposta "en días ou horas".

E fan un chamamento ás embarazadas para que soliciten cita e vaian vacinarse. Canto ás terceiras doses dos xa vacinados, Galicia segue á espera de que se constante a "evidencia científica" para "sumarse", se é o caso.

O 78,2 % da poboación diana xa está inmunizada en Galicia, unha porcentaxe que ascende ao 95,2 % entre os maiores de 40 anos, catro puntos por encima da media española, destacou o conselleiro. Outra cuestión que o comité clínico abordou na súa reunión de hoxe é o documento para os novos niveis que se están negociando co sector da hostalería. A este respecto, Comesaña explicou que non se validará ata o vindeiro martes "cos axustes que correspondan".

Noticias web

24/08/2021