CRTVG

Buscar

Os gromos en lugares turísticos provocan dúbidas entre quen planifica vacacións

Publicado o 30/06/2021 14:51

Poden as imaxes da festa de Mallorca facer que cambiemos os nosos plans para as vacacións? "Eu digo que si porque isto mete un pouco de respecto", di unha muller. Outra que está de acordo comenta que non está moi animada e que pensa que a situación ten que mellorar máis para poder viaxar tranquilos. 

Non desapareceu nin o virus nin o medo. Pero son moitos os que necesitan distracción logo de meses de restricións. 

"A xente ten moi moitas ganas de saír da casa. Inconscientes así vainos haber en todas partes". "A xente quere saír fóra e non lle preocupa iso", din dous enquisados.

Pero o certo é que nas axencias reciben chamadas de clientes interesándose pola repercusión destes gromos.

"A xente ten medo a iso, a subir a un avión e que haxa máis xente contaxiada. Ou que pechen as Baleares e que a viaxe en que van, por exemplo, un grupo de catro ou seis persoas poida verse afectado", explica Raquel Martínez, da axencia Nezbell.

E isto cando as axencias empezan a traballar despois de meses paradas. Fálase de que un 20 % puideron pechar. Agora a demanda céntrase nas illas ou na Península.

"Unha viaxe a onde? Queredes ir lonxe ?", pregúntalle Raquel a unha cliente. "O meu fillo falaba de facer unha ruta por Andalucía, pero eu non teño reparos en volver ás Canarias", responde.

As axencias piden que se extremen os controis para evitar que gromos como o de Mallorca causen incertezas nos viaxeiros.

Noticias web

30/06/2021