Os gromos de Santa Comba e do centro de Correos da Lavacolla están relacionados
As autoridades sanitarias vixían de preto os dous focos de contaxio rexistrados en Santiago, que polo momento deixan 7 positivos en coronavirus confirmados na capital galega.
No centro loxístico de Correos da Lavacolla hai confirmados 6 contaxiados. O Sergas realizou neste centro 86 probas PCR, despois de que unha traballadora dera positivo en covid-19.
Trátase dunha empregada que asistiu á celebración familiar en Santa Comba, que orixinou outro gromo. Un foco que xa suma unha vintena de positivos nesa localidade e mantén un cento de veciños confinados. Estes dous focos de Santiago e Santa Comba estarían, pois, relacionados.
Outro dos puntos de contaxio que preocupa é o rexistrado na residencia de maiores Volta do Castro, tras o positivo dunha traballadora. Un equipo de enfermería desprazouse ao centro para realizar preto de 300 probas PCR a 131 usuarios e 162 empregados.
Ademais soben os casos de Covid-19 rexistrados en Melide. Nas últimas horas detectáronse 11 novos positivos tras o estudo realizado a mozos de entre 18 e 30 anos. Hai, polo de agora, 53 persoas contaxiadas.
En Lalín vixíase o gromo orixinado na residencia de maiores DomusVi. Hai 3 persoas contaxiadas, un usuario e dúas traballadoras.
Son as cifras da área sanitaria de Santiago e A Barbanza. É a terceira máis afectada, con 329 positivos, dos que 6 están hospitalizados. Pero é a que está a sufrir unha maior repunta de casos. Segundo o último parte do Sergas, ten 55 contaxios máis ca na xornada anterior.