CRTVG

Buscar

Os gromos da Pobra, O Grove e Carballeda esténdese polos municipios lindeiros

Publicado o 14/04/2021 21:30

Cribados masivos en Ribeira, con preto de 5.000 probas para detectar asintomáticos. É a maneira de frear a trasmisión do virus, que non para de medrar na vila: nos últimos días detectáronse 21 casos novos. Ribeira entra o venres en nivel medio de alerta. Todo apunta a que os contaxios derivan do gromo da Pobra, que se está estendendo tamén cara a Boiro.

"Este xa non é un gromo da Pobra, é un gromo do Barbanza. Sabiamos que isto podía pasar, que se ían estender os contaxios", defende Manuel Ruiz Rivas, alcalde de Ribeira.

O mesmo pasa na contorna do Grove, outro dos municipios en nivel máximo de alerta. Preocupa a tendencia á alza que se observa na incidencia acumulada a 7 días en concellos como Meaño ou Marín, que a partir do venres pasarán a ter restricións de tipo medio alto.

Na provincia de Ourense, Carballeda de Valdeorras mantén tamén as máximas restricións, e os concellos veciños de Rubiá e o Barco pasan a ter nivel alto polo incremento de contaxios. O sábado farase no polideportivo do Barco un cribado masivo, ao que se poden apuntar voluntariamente os veciños.

"É algo que se fai por primeira vez en Galicia. Os que queiran poden pedir cita na páxina da Xunta. Teñen ata o venres ata as tres e media da tarde", explica Carlos Revuelta, xefe de servizo do centro de saúde do Barco,

A provincia de Lugo é, agora mesmo, a única que non ten ningún concello con restricións máximas. A situación na área sanitaria mantense baixo control, aínda que se detectaron repuntas de casos na Mariña de Lugo e na propia cidade.

Noticias web

14/04/2021

Máis sobre A Pobra do Caramiñal