CRTVG

Buscar

Os investigadores do crime de Santoalla sospeitaron dos acusados dende o comezo

Publicado o 19/06/2018 21:03

Os gardas civís que investigaron o crime do holandés de Santoalla sospeitaron, desde o primeiro momento, dos seus veciños. Segundo manifestaron na segunda sesión do xuízo, ao principio descartaron o acusado principal, porque pensaron que non era quen. Pero el mesmo confesou o crime. Hoxe, tamén estaba citada a declarar a viúva da vítima.

"Se me pasa algo, os meus veciños son os culpables".

Son palabras que Martin Verfonden deixou manuscritas nunha carta de tres folios que a viúva lles entregou aos axentes. Segundo asegurou na sesión de hoxe o xefe da investigación pola morte violenta do holandés, Martin tíñalles medo aos seus veciños. Gravaba todos os encontros cunha cámara e mesmo intentou contratar un seguro de vida.Nun primeiro momento, os axentes non sospeitaron de Juan Carlos, o principal acusado, porque, segundo manifestaron no xuízo, non o vían capaz, ata que el mesmo confesou.

O grao de discapacidade de Juan Carlos é unha das claves neste xuízo. A defensa di que a súa confesión do crime responde á fabulación dunha mente infantil, pero os axentes aseguran que deu detalles concretos que só podía coñecer se interveu nos feitos.A viúva de Martin, citada hoxe como testemuña, confía en que se aclare dunha vez o que pasou.

Asegura que a vida mellorou en Santoalla desde que non están os seus veciños e di que non ten pensado moverse da aldea onde está a tumba do seu home.

Noticias web

19/06/2018