CRTVG

Buscar

Os Gardacostas de Galicia vixían areais marisqueiros para protexelos tamén dos 'furtivos do bañador'

Publicado o 20/07/2021 15:38

En Galicia gran parte dos areais costeiros son a un tempo áreas de recreo e zonas de produción marisqueira. Iso supón un traballo extra para os axentes do Servizo de Gardacostas nestes meses de verán. "Temos máis de 500 praias que teñen marisco e está claro que a esas praias non vai só xente que vai tomar o sol e bañarse, senón que vai extraer produtos do mar", di Lino Sexto, Subdirector do Servizo de Gardacostas da Xunta.  

O Servizo extrema os controis para loitar contra estes 'furtivos do bañador' e tamén contra os furtivos máis 'profesionalizados'. O obxectivo é evitar que chegue ao mercado marisco que non pase por todos os controis establecidos a nivel de produción de comercialización ou de sanidade. "Todas as confrarías teñen establecidos uns topes e unhas zonas de traballo e hai que establecer un control do que extrae cada produtor e logo un control dos cauces de comercilaización para evitar que haxa transportes ilegais ou que non reaunan as condición hixiénico sanitarias que require o produto", explica Lino Sexto.

Cada ano nas distintas áreas de control chegan a impoñer máis de 4.000 sancións por infracción. Pero, máis ca sancionar, teñen un especial interese en concienciar. "Desgraciadamente temos moito que mellorar aínda. Eu sempre aproveito calquera relación que teño cos medios para lle facer á sociedade que o que hai nas praias é froito do traballo de moitas mulleres e moitos homes que dependen diso para vivir. Non se pode apañar libremente. Non é un produto que estea alí por casualidade", recalca o responsable do Servizo de Gardacostas.

 

Noticias web

20/07/2021