CRTVG

Buscar

Os gandeiros ven con optimismo a sentenza que condena as industrias lácteas por pactar os prezos

Publicado o 12/07/2021 15:42

Xa é pública a  primeira sentenza en contra do chamado 'cártel do leite'. Un caso en que se acusaba as industrias de pactar durante anos os prezos do leite á baixa, para pagarlles menos aos gandeiros. 

A sentenza dá por probado un dos eixes centrais das demandas, que é que efectivamente houbo acordo entre as industrias para pactar á baixa os prezos do leite e que, por tanto, os gandeiros teñen dereito a indemnizacións. Con este punto resolto, os esforzos concentraríanse en probar canto lle deben a cada un. A sentenza senta un precedente, no sector vena con optimismo, cren que están no bo camiño para recuperar os seus cartos e que incluso, de ampliarse o prazo de prescrición, poderían sumarse máis gandeiros ás demandas colectivas que xa están en marcha en Galicia.

Como pouco, Xosé Manuel calcula que deixou de ingresar 180.000 euros nos doce anos que lle vendeu o leite a unha das industrias demandadas por pactar prezos á baixa.

Coma el, milleiros de gandeiros van reclamar eses cartos de volta. Unha sentenza ditada en Granada, a primeira sobre este caso, vai abrindo camiño. Primeiro, porque dá por acreditado ese pacto de prezos á baixa.

Un dano que en Galicia puido ser maior, porque xa cobraban o leite máis baixo ca no resto do Estado. Contan acreditar rebaixas de 5 ou 6 céntimos por litro, así que as indemnizacións tamén aumentarán.

Unións Agrarias aglutina as reclamacións de máis de 5.000 gandeiros, e calculan que as indemnizacións para eles van superar os mil millóns de euros.

Noticias web

12/07/2021